Friday 26 de April de 2024

‘Advertencias para un traxecto boreal’, de Natalia Alonso Ramos, gaña o III Premio de Poesía Filomena Dato


· O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros, así como a publicación do poemario gañador na editorial Apiario.

· O xurado puxo en valor “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes cheas de contido”.

· A autora é licenciada en Xornalismo e traballa no gabinete de comunicación da USC.

Natalia Alonso Ramos resultou gañadora do III Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo co poemario ‘Advertencias para un traxecto boreal’. O xurado valorou do texto “o traballo coa linguaxe, a pericia no uso dos adxectivos, a promesa desde o primeiro poema e a ofrenda de imaxes de grande potencia poética e cheas de contido, a tenrura e a perspicacia”.

O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bergondo acolleu a deliberación do xurado que estivo composto por: Alejandra Pérez Máquez, presidenta; e Elvira Ribeiro Tobío, Tamara Andrés Padín e Dores Tembrás como vogais.

Natalia Alonso Ramos (Vilaronte-Foz) exerce como xornalista no gabinete de comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria profesional en 2004, como redactora na delegación de Antena 3 Televisión en Galicia. En 2008, trasládase a Madrid para continuar traballando nos servizos informativos desta canle. Ten exercido como redactora, articulista e xefa de sección no desaparecido Xornal de Galicia, e ten sido articulista na publicación dixital Vieiros. Desde 2010 estivo vencellada como investigadora á USC a través de diferentes proxectos de investigación. Impartiu a materia ‘Estrutura do Sistema Cultural de Galicia’ no Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural da Facultade de Humanidades en Lugo. En 2011, gañou o primeiro premio do ‘VIII Certame Literario do Concello de Ames’. ‘A síndrome de Hayworth’, galardoado co Premio O Facho 2019 e editado por Medulia, foi o seu primeiro libro individual de poesía. En 2022, obtivo o segundo premio na edición XXXI do certame de narracións breves ‘Manuel Murguía’ que outorga o Concello de Arteixo.

O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega.

A entrega do galardón terán lugar neste mesmo mes de outubro nunha data por confirmar e contará da autora da obra distinguida.

O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario ganador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía.

Apiario é a encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén levará a cabo a publicación da obra gañadora asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.

Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento: Filomena Dato Muruais (1865-1926).